Bases Procura Meiga 2026

 BASES DO XOGO: A PROCURA MEIGA

 

🔮 1. QUE É?

A Procura Meiga é un xogo interactivo que se desenvolverá polas rúas e espazos exteriores de Ribadavia durante a celebración da Noite Meiga.

Os participantes deberán localizar diferentes códigos QR repartidos por distintos puntos do municipio. Cada código QR agocha unha proba, enigma ou desafío que permitirá descubrir unha palabra.

O obxectivo será conseguir o maior número posible de respostas correctas dentro do tempo establecido.

Non é necesario atopar nin resolver todos os códigos QR. Cada equipo poderá decidir libremente cantas probas realizar e como organizar o seu tempo.

Gañará o equipo que consiga o maior número de respostas correctas.

 

📝 2. INSCRICIÓN

  • A inscrición realizarase online mediante o formulario habilitado pola organización.
  • Os equipos poderán inscribirse ata o propio día do xogo, 31 de outubro.
  • A participación é gratuíta.

Formulario de inscrición:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSec190qZuUiDJRT-ordJGqJNiVb-_k0t7dpRoaMeqT3VUTrkQ/viewform?usp=dialog

 

👥 3. PARTICIPACIÓN

  • Poderase participar individualmente ou en equipos de 2 a 5 persoas.
  • Cada participante poderá formar parte dun único equipo.
  • Todas as persoas dun equipo poderán colaborar na procura dos códigos e na resolución das probas.
  • Cada equipo será responsable de organizarse libremente para decidir que códigos buscar e en que orde facelo.
  • Cada equipo deberá ter un nome identificativo, que será o utilizado tanto na inscrición como no formulario final de respostas.

 

🗓️ 4. DATA E HORARIO

Data: 31 de outubro de 2026

Horario da procura: de 17:00 h a 19:00 h

As respostas deberán enviarse dentro do horario establecido.

As respostas enviadas despois das 19:00 h non optarán ao premio.

 

🗺️ 5. FUNCIONAMENTO DO XOGO

  1. O mapa coas localizacións dos códigos QR estará exposto na Praza Maior de Ribadavia. Xunto ao mapa estará dispoñible tamén o código QR que dará acceso ao formulario final de respostas.
  2. As persoas que queiran dispoñer do mapa en formato impreso poderán adquirilo no posto de información da Noite Meiga por un importe de 1 €. O mapa físico entregarase xunto coa folla de anotacións e co código QR de acceso ao formulario final de respostas.
  3. Os códigos QR estarán repartidos por diferentes zonas exteriores de Ribadavia e estarán identificados no mapa mediante a súa numeración.
  4. Cada equipo poderá decidir libremente que códigos buscar e en que orde.
  5. Os códigos QR non teñen que seguir unha orde concreta.
  6. Cada código dá acceso a unha proba independente, que deberá ser resolta para descubrir a palabra correspondente.
  7. Non é necesario atopar todos os códigos para participar nin para optar ao premio.
  8. Gañará o equipo que consiga o maior número de respostas correctas.

 

📱 6. COMO FUNCIONAN AS PROBAS

Os códigos QR dan acceso ás diferentes probas e enigmas do xogo.

As probas poden ser de diferentes tipos: observación, enigmas, vídeos, audios, xogos de palabras, criptogramas, probas de acción, etc.

Cada proba conduce a unha única palabra como resposta.

  • A resposta deberá interpretarse seguindo as indicacións e pistas facilitadas en cada proba.
  • Non é necesario introducir a resposta no momento de resolver cada QR.
  • Recoméndase anotar cada palabra obtida para non esquecela e poder completar posteriormente o formulario final.

 

📝 7. ANOTACIÓN DAS RESPOSTAS

Para facilitar o desenvolvemento do xogo, os participantes poderán utilizar unha folla de anotación das respostas xunto co mapa.

Nesta folla poderán ir rexistrando as palabras obtidas a medida que resolvan as diferentes probas.

A folla de anotación será unicamente un apoio durante o xogo.

Os equipos que non dispoñan da folla de anotacións poderán utilizar calquera outro medio para rexistrar as súas respostas.

A entrega oficial das respostas realizarase mediante o formulario online final.

 

📩 8. ENTREGA DAS RESPOSTAS

O formulario final de respostas estará dispoñible mediante un código QR incluído no mapa e na documentación entregada aos participantes.

No formulario deberán introducir as respostas obtidas nos diferentes códigos QR.

Cada resposta debe ser unha única palabra.

É importante respectar:

  • As maiúsculas cando corresponda.
  • Os acentos.
  • A forma correcta da palabra.

As respostas deberán corresponder ás palabras descubertas en cada unha das probas.

Os equipos poderán acceder ao formulario en calquera momento durante o período de xogo, sempre que respecten a hora límite de entrega.

As respostas enviadas despois das 19:00 h non serán válidas para optar ao premio.

A organización terá en conta exclusivamente os formularios recibidos dentro do prazo establecido.

Non será necesario avisar previamente á organización de que un equipo rematou a súa procura. A entrega quedará rexistrada mediante o envío do formulario final.

 

🏆 9. PREMIO

O equipo que consiga o maior número de respostas correctas será o gañador da Procura Meiga.

O equipo gañador recibirá un agasallo da Noite Meiga.

En caso de empate entre dous ou máis equipos co mesmo número de respostas correctas, utilizarase como criterio de desempate a hora de envío do formulario final, sempre que as respostas presentadas sexan correctas.

A organización comprobará as respostas recibidas unha vez finalizado o prazo de participación.

O equipo ou equipos gañadores serán anunciados pola megafonía durante a celebración da Noite Meiga.

Unha vez realizado o anuncio, a organización indicará aos gañadores o lugar e o momento no que poderán recoller o premio.

 

⚠️ 10. NORMAS E SEGURIDADE

  • Está prohibido danar, tapar, retirar ou modificar os códigos QR.
  • Non se poderá dificultar ou impedir a participación doutros equipos.
  • Os códigos QR estarán situados en lugares accesibles desde a vía pública.
  • Non é necesario entrar en propiedades privadas, zonas pechadas nin lugares que poidan supoñer algún risco para atopar ningún código.
  • Non se debe forzar, mover nin manipular ningún elemento do espazo público ou privado para localizar os códigos.
  • Os participantes deberán respectar en todo momento os espazos públicos, privados e o mobiliario urbano.
  • Durante os desprazamentos, os participantes deberán actuar con responsabilidade e respectar as normas de circulación e seguridade.
  • A organización poderá descalificar calquera participante ou equipo que non cumpra estas normas o que dificulte deliberadamente a participación dos demais.
  • A organización non se responsabiliza dos desplazamentos dos participantes nin das condutas realizadas incumprindo as normas de seguridade, convivencia ou participación.
  • A organización poderá modificar ou resolver calquera situación non prevista nestas bases co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da actividade.

 

🔮 11. RECOMENDACIÓNS

Para participar na Procura Meiga recoméndase:

  • Levar un teléfono móbil con batería suficiente.
  • Dispoñer de conexión a internet para poder acceder aos códigos QR, vídeos, audios e formularios.
  • Participar en equipo para facilitar a resolución das diferentes probas.
  • Levar bolígrafo ou lapis para anotar as respostas.
  • Consultar o mapa antes de comezar a procura e organizar o percorrido segundo os intereses de cada equipo.
  • Administrar ben o tempo dispoñible.
  • Lembrar que a procura e a resolución das probas poderán realizarse durante todo o período comprendido entre as 17:00 e as 19:00 horas.
  • Comprobar todas as respostas antes de enviar o formulario final.
  • Lembrar que o formulario deberá estar enviado antes das 19:00 horas.

 

  1. RESPONSABILIDADE

A participación na Procura Meiga implica a aceptación destas bases.

A organización non se fará responsable dos desprazamentos dos participantes nin dos danos ou incidentes derivados dun comportamento irresponsable ou do incumprimento das normas de seguridade.

Os participantes deberán actuar en todo momento con responsabilidade, respectando o contorno, as persoas e os espazos polos que se desenvolve a actividade.

A inscrición e participación na Procura Meiga implica a aceptación das presentes bases e das decisións adoptadas pola organización para garantir o correcto desenvolvemento do xogo.

 

 

🕯️ BOA SORTE…

Hai palabras que é mellor non pronunciar.

Boa sorte na Procura Meiga… e coidado co que decides descubrir.